Moi boas de novo!!
Despois da entrada de Sindy da semana pasada (
7 series que marcaron a miña infancia!), tiven moita gana de facer a miña versión e contarvos
que series (polo menos, algunhas delas)
vía cando era pequena. Alá imos!
American Dragon: Jake Long
Fai tempo que decidín que esta é
a miña serie favorita da infancia. Non cheguei a ver a temporada 2, pero tampouco me arrepinto, porque a primeira xa o tiña todo (e na segunda cambiaban os debuxos, e teño o recordo de que os personaxes tampouco parecían os mesmos en canto a personalidade), así que referireime só á 1. Era simplemente marabillosa. Tiña uns personaxes cos que desfrutabas moitísimo, unha ambientación moi chula e unha historia inesquecible (e sigo sen superar o final, por certo). Por non falar da historia de amor entre Jake (o prota, un chico que se converte en dragón) e Rose (unha aprendiza de cazadora cuxo principal obxectivo é, precisamente, matar dragóns).
Kim Possible
Encantábame. Unha
superheroína adolescente, animadora, que loita contra as forzas do mal coa axuda do seu amigo Ron, de Rufus (a rata-toupa sen pelo mascota de Ron) e de Wade, o seu amigo inventor. Quen non querería ser coma Kim de pequena? Ademais, tamén había antagonistas moi interesantes, como Shego (tamén son moi fan dela) ou Gill (con 2 eles).
Detective Conan
Dela xa falou Sindy na súa entrada e non teño máis que engadir.
Unha serie absolutamente fantástica (excepto polo feito de que un capítulo de medo me deixara un trauma moi forte de pequena).
Sarxento Keroro
Dáme pena non recordar demasiado desta serie. Basicamente, só teño imaxes soltas dalgúns capítulos na miña mente e pouco máis, pero si sei que me encantaba e que desfrutaba moito véndoa; é unha serie para
pasalo ben e para rir moito coas extravagantes aventuras do Sarxento Keroro e os seus subordinados. Apeteceríame volver a ver algún capítulo para recordar vellos tempos, pero non sei como facer para velos en galego (isto último é fundamental, por suposto).
Brandy e Mr. Whiskers
Unha cadela e un coello que caen dende un avión á selva amazónica e teñen que convivir nela. Unha serie moi rara? Pois si, pero precisamente por iso estaba tan ben. Ademais, o mellor amigo de Whiskers é unha londra, que é o meu animal preferido (no momento no que vía a serie aínda non o era, pero iso é o de menos).
E ata aquí a entrada de hoxe! Estas son as series máis imprescindibles da miña infancia, pero basicamente pasábame os días entre o
Xabarín Club e
Disney Channel, así que podería ter mencionado outras como Shin Chan, Hannah Montana ou Phil del futuro, por exemplo. E moitas outras que seguramente non recorde ou das que só teña imaxes difusas na miña mente, que se lle vai facer.
Que me dicides? Que series marcaron a vosa infancia?
Moitas grazas por ler!!
Ola!! Brandy e Mr. Whiskers encantábame!! Era unha serie moi especial, sabes se ten capítulo final ou algo así? Porque sei que nalgún momento están a punto de regresar pero que non o fan (pero para min ese era un capítulo de polo medio). En fin, que era xenial e o opening tamén. De American Dragon non teño máis que dicir que que tiña unha historia moi interesante e orixinal (e descoñecía que había unha segunda temporada). En canto a Kim Possible, debo de ser das poucas humanas que non a vía, pero é que cando Disney Channel deixou de ser de pago, pois supoño que non continuaron botando a serie durante demasiado tempo (recordo que teño pillado algún capítulo, pero sen máis).
ResponderEliminarAi, as series de infancia son o mellor ♡.
Un bico!!
Ola!!
EliminarPois non sei se tiña último capítulo, e se o tiña non me acordo del. Si que me sona o que dis dunha vez que estaban como a punto de regresar, pero tamén teño a sensación de que ao final renunciaban a volver ou algo polo estilo (non estou segura tampouco, que xa choveu dende entón jajaja).
A segunda temporada de American Dragon intentara vela cando volvín ver a serie, fai ano e pico ou dous anos, pero non fora capaz de terminala. É que non é só que cambien os gráficos, é que Jake, polo menos, non parece o mesmo, e co bo final que tivera a primeira (por moito que de pequena me inventase finais alternativos nos que acabasen xuntos dalgunha forma) preferín deixar a serie así.
E Kim Possible, se algún día che apetece ver unha serie para desconectar, recoméndocha moito, aínda que che chegue un pouco tarde. Porque as series para nenos pequenos están moi ben, iso é un feito.
Biquiños!!