El libro de los portales, de Laura Gallego - Opinión


Ola, cazadores de historias!

Hoxe apetecíame rescatar un intento de recensión que fixera no blog de Tardes de Fantasía. Foi moi curioso porque o libro lino no 2015 e agora recordo que me gustara moito pero hai moitos detalles (ou non tan detalles) que menciono que non lembro para nada XD. Aínda así, procedo a traducir a galego a entrada e a recomendarvos o libro porque quedara moi contenta despois de lelo. Ademais, desde a miña perspectiva actual vou ir comentando en rosa cousiñas que me chamen a atención do que puxo a Sandra de 15 anos ^^.

Imaxe | Páxina web de Laura Gallego
Ficha do libro
Título: El libro de los portales.
Autora: Laura Gallego García.
Editorial: Minotauro.
Colección: fóra de colección, libro único sen continuación.
Páxinas: 496
Ano de publicación: 2013


Sinopse
Os pintores da Academia dos Portais son os únicos que saben como debuxar os extraordinarios portais de viaxe que constitúen a rede de comunicación e transporte máis importante de Darusia. As súas ríxidas normas e a súa exhaustiva formación garanten unha impecable profesionalidade e perfección técnica en tódolos seus traballos. Cando Tabit, un estudante de último ano da Academia, recibe o encargo de pintar un portal para un humilde campesiño, non imaxina que está a piques de verse involucrado nunha trama de intrigas e segredos que poderían sacudir os mesmos cimentos da institución.


Opinión
Despois de ler o libro creo que a sinopse é un pouco escasa. A Academia é unha institución moi importante ó longo da historia, pero o máis importante é o mundo dos portais. Porque Darusia é coma un país no que se vive dos portais, auténticas obras de arte que che permiten viaxar dun lugar a outro en apenas uns segundos.

É un libro moi traballado que reflicte toda unha sociedade. Nel podes atopar con todo luxo de detalles a ciencia dos portais e todo o relativo a eles (unha ciencia que representa a estrutura da sociedade, creo recordar, de aí o interesante que me parecera). Vés a orixinalidade de todo o proceso, desde a obtención de pintura nas minas ata os complexos deseños dos portais e a súa creación.

Acabas colléndolle cariño ós personaxes, que ó longo do libro van dando algunha que outra sorpresa. É unha historia que te mete totalmente no seu mundo. Un detalle que me chamou bastante a atención é que, ata o final do libro, non sabes toda a historia de Tabit, mentres que a dos demais vaise contando dende o principio. (Desde o meu punto de vista actual de escritora, debo dicir que esta é unha técnica moi interesante -agardar ó final para contar algún dato clave do pasado do protagonista-. Por desgraza, hai tanto tempo que lin o libro que xa non me acordo cal era esa historia pasada :( )

É unha historia con personaxes moi dispares que rematan xuntándose por casualidade e xuntos dan forma á historia. Non os vou citar todos, pero quería falar sobre algúns deles.

  • Tabit: como xa dixen, hai moitos personaxes principais, pero quizais o máis protagonista sexa Tabit. Desde o principio caeume ben, aínda que tiña unha mente demasiado cerrada; pero necesitábase un personaxe así para frear un pouco a Caliandra.
  • Caliandra: creo non ser a única á que ó principio esta estudante da Academia non lle agradou demasiado. Parecía estar sempre en contra de Tabit e o peor era que na Academia, sen pretendelo sequera, adoitaba igualar ou superar a Tabit, que sempre se esforzaba ó máximo en todo o que facía. Caliandra vai evolucionando durante a trama, ou tamén é que o lector a vai comprendendo máis. Acabou converténdose no meu personaxe preferido deste libro, coa súa creatividade e a súa forma de ser. (Paréceme moi interesante cando nun libro, un personaxe que non che gustaba demasiado pasa a ser o teu preferido. Iso é sinal de que está ben construído).
  • Tash: é un personaxe interesante e curioso, e tamén rudo e descarado. Comprendía o seu comportamento e caíame ben, pero ás veces este personaxe resultaba algo cargante. Só quedaba esperar que a súa actitude cambiase co tempo… ou asumir que era e sempre sería así. Porque ese era Tash, e así é como o recordo agora, talvez cunha personalidade máis suave non me tería chegado tanto. (Faime graza porque 5 anos despois de ler o libro recordo a Tabit e a Caliandra pero non consigo lembrarme de Tash XD)

O libro mellora moito cara ó final, con sucesos totalmente inesperados (e que xa non recordo). Parecéronme orixinais os maeses (se non me equivoco eran como os sabios da Academia e da ciencia de pintar portais), especialmente maese Belban e a súa habitual frase que lle di a Tabit con respecto a Caliandra (que non vou poñer porque sería spoiler). (Tampouco recordo esta frase XD, un motivo máis para volver ler o libro -que collera na biblioteca do instituto así que tería que mirar se o hai en ebook ou así)

Unha historia moi completa e que deixa un bo sabor de boca!

E vós que opinades? Lestes este libro ou algún outro de Laura Gallego?

Seguide viaxando entre historias!

Comentarios

  1. Este non o lin, pero si que lera no seu día Crónicas de la Torre e Memorias de Idhún (e algún outro solto), polo que podo xulgar do seu día, diría que era unha autora con boas historias, pero a súa forma de escribir nunca me chegou a convencer. Tamén hai que dicir que era o que había no seu día e atreveuse cun xénero moi desprestixiado, moi "para nenos" e de "escritores mediocres", co cal tamén lle dou un punto de valentía a ese respecto.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Ola!! (Perdón por tardar tanto en contestar, xa lera o teu comentario cando o puxeches ^^, pero entre unha cousa e outra pasóuseme contestar XD). Laura Gallego foi a miña escritora favorita durante moito tempo (se agora non o é, é porque coas escritoras tan talentosas que comezaron a publicar nos últimos anos non sabería decidirme :)).
      A min o seu estilo sempre me gustou, non é unha autora que teña unha forma de escribir bonita ou especial, ten unha forma de escribir moi directa. E penso que eso hai a quen lle gusta e a quen non; persoalmente, gústame máis cando o estilo dos escritores é como máis persoal, máis único, pero para min Laura Gallego consegue transmitir as súas historias con precisión (algo moi bo para enganchar a rapazas e rapaces que non adoiten ler).
      Sobre todo, a min o que me encantaba dela (que me segue gustando, pero levo anos sen ler nada seu) eran, como ti dis, as súas historias, os seus mundos. Ademais, en cada libro crea un mundo distinto coas súas peculiaridades. Polo que vexo, só liches as sagas que sacou. Recoméndoche moito "La leyenda del Rey Errante", foi un libro que me fascinou. "Todas las hadas del reino" tamén me sorprendeu á súa maneira. Recoméndochos por se algún día che apetece darlle unha oportunidade ^^.

      Un bico enorme!! Grazas por comentar ❤

      Eliminar
  2. Ola!!
    Fixéronme moitísima gracia os comentarios da túa ti do presente jajaja. E nada, que algún día lerei este libro e máis de Laura Gallego, porque ten moitas historias con moi boa pinta.

    Biquiños!!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Ola!! É o que ten ler algo que escribiches hai anos sobre un libro que xa case non recordas. Este recoméndocho moito porque me gustara especialmente, para min Laura Gallego sempre é unha boa escolla ^^. Ten un estilo moi sinxelo e fluído e case en cada libro crea un mundo distinto, unha realidade por explorar. E a min eso encántame.

      Un bico!!

      Eliminar

Publicar un comentario

Estamos desexando ler os teus comentarios!