Ola, cazadores de historias!
Agora que remata este caótico 2020, creo que é bo momento para falar dos propósitos que me puxen para este ano que comeza. Como xa comentaba o ano pasado nesta entrada na que falei dos meus propósitos para 2020, non son moi fan de poñerse obxectivos para cumprir en 365 días, pero si de planificar un pouco que é o que quero facer. E como sigo sendo a mesma que o ano pasado, debo dicir que os meus obxectivos non van variar moito.
Así pois, estas son as miñas metas (alcanzables) para o 2021!
1 - Escribir dous libros
Esta meta é exactamente a mesma que a do ano pasado, coa diferenza de que non teño prazos marcados para escribir os libros e que son libros distintos. Neste 2020 conseguín escribir un libro, un dos que dixera que quería escribir xa en xaneiro, pero a pandemia e a universidade truncaron ese segundo libro que pretendía escribir. Aínda así, estiven comezando varias historias e, o que é máis importante, recuperei a ilusión por escribir que o confinamento (e a universidade…) me quitaran.
Dous libros paréceme un número razoable. Encantaríame escribir máis, pero incluso con escribir un xa me conformaría porque me coñezo. Ademais, este ano non teño ningunha meta relacionada con Wattpad porque serían demasiadas historias para xestionar (e no 2020 creo que non cheguei nin a subir un só capítulo da historia que quería continuar…).
2 - Dedicar tempo a este blog e ó de Tardes de Fantasía
De novo, a pandemia truncou os meus ánimos por levar os blogs con continuidade, pero neste último mes recarguei enerxías (ou estou tan farta da universidade que necesito ter outras prioridades), así que vou con moito ánimo no que respecta a escribir nos blogs con certa regularidade.
3 - Ler 22 libros
Como comentei o ano pasado, con este xa son TRES anos que levo lendo 22 libros ó ano (e hai catro lera 23). Así que considero que 22 libros é o meu ritmo de lectura anual e que me gusta mantelo (e se o sobrepaso tampouco pasaría nada). Admito que hoxe mesmo rematei dous libros que tiña a medias para poder chegar ós 22, pero cheguei! A ver que tal este 2021.
4 - Sobrevivir á universidade
Pois si, estou tan cansa da universidade (e iso que estudo algo que me gusta…) que o obxectivo deste ano non é tanto centrarme nos estudos como sobrevivir a eles e ter os mínimos pensamentos sobre queimar a facultade posibles. A vós, se estudades, tamén vos dou ánimos neste sentido que sei que se necesitan.
5 - Conseguir xestionar o tempo e dedicarme tempo a min mesma
O de xestionar o tempo está moi relacionado con saber organizarme. Quero non perder tanto o tempo inconscientemente, descansar de forma consciente, sacar tempo para ir tomar algo se me apetece e tamén sacar tempo tanto para escribir como para estudar. Quero equilibrar a miña vida e non deixarme levar por ela.
E estes son os meus propósitos. Son pouquiños porque non necesito máis, xa estaría máis que encantada con cumprilos todos e incluso con sueperar algún. Pero quero poñerme metas realistas, como dixen antes. E vós como ides? Este 2021 tedes algún plan xa en mente?
Ánimo con todo e feliz aninovo, coidádevos e seguide viaxando entre historias!

Comentarios
Publicar un comentario
Estamos desexando ler os teus comentarios!