Propósitos para 2020 ~ Sindy


Ola, cazadores de historias!
Hoxe por fin estreamos o blog ó público e pareceume boa idea facelo falando dos meus propósitos para este ano. Non son unha persoa que sexa moi fan de escribir nunha libreta a principios de ano as cousas que me interesa facer ó longo dos próximos 12 meses. Por que? Porque para min o cambio de ano só implica iso, cambiar de ano e de cuadrimestre na universidade. Polo demais, todo segue igual, non vai cambiar nada porque deixe de ser 2019 e no almanaque pase a poñer 2020.
Pero recoñezo que este ano enfoqueino doutra forma que me fixo ver que marcarme uns propósitos podía resultar moi positivo. Logo, cal foi o meu criterio? Escollín propósitos que xa tiña a medias ou que xa tiña pensado emprender (non por ser inicio de ano). Son metas alcanzables e que xa tiña previsto intentar, nada de propósitos esaxerados ou marabillosos. Non, tiñan que ser obxectivos que xa estivese intentando conseguir de antes.
E aquí estamos, só me queda deixarvos cos meus propósitos!

1 e 2 - Escribir dous libros

Póñoos de forma conxunta porque cada un deles é un libro diferente. Así dito pode parecer que é un propósito inmenso, escribir dous libros nun ano, pero é aínda peor se vos digo que a miña intención é escribir un para o 31 de xaneiro e o outro para o 15 de febreiro XD. Nin sequera un mes me queda. Por que me puxen este propósito tan grande a simple vista? Porque, como expliquei no seu momento nesta publicación de Tardes de Fantasía, levo 2 anos sen rematar nada. Peero, levo dous anos intentándoo, polo que a planificación de ámbolos dous libros xa estaba feita en decembro, cando empecei cos primeiros capítulos de ambos. E para min iso é o fundamental, porque un libro non é só escribilo (que pode ser unha parte moi *chunga /dáme igual que esta palabra non estea no DRAG/, desde logo), se non teño as ideas claras, éme imposible escribir. E con estes dous tíñaas, o problema é que os quero presentar a dous concursos que teñen os prazos moi achegados. Pero iso non me bota atrás, porque se non chego ó prazo, que non sexa por non intentalo.

3 - Poñer todo de min para que este blog saia adiante

Se algo tiña claro tamén en decembro era que quería sacar adiante este blog e non hai mellor propósito que aquel que te enche de ilusión cada vez que pensas nel. E que implica isto? Que quero escribir as publicacións con tempo, darlles amor, intentar que o blog chegue a máis persoas… Cousiñas así ^^. Porque para min neste blog conxúganse dúas cousas que me encantan: poder escribir sobre libros e series que me gustan e facelo en galego. Ademais de que me parece que o blog nos quedou moi bonitiño.

4 - Ler 22 libros

Por que este número de libros? Porque curiosamente levo dous anos consecutivos lendo 22 libros e hai tres anos lin 23. Así que o meu obxectivo é conseguir manterme nesa liña, ademais de que me parece un número de libros factible de conseguir.

5 - Continuar Un feitizo de faíscas

En marzo do ano pasado comecei a escribir esta historia en Wattpad porque necesitaba escribir algo sen preocuparme por presentalo a concursos nin ter altas expectativas. Quería escribir unha historia que representase ó 100% o que a min me gusta escribir e ademais quería facelo en galego (porque ata onde eu sei a miña é a única historia de narrativa en galego que hai na plataforma, pero como pode ser??). Por suposto, poñereime despois do 15 de febreiro e como en principio para o resto do ano non teño pensado poñerme con ningún outro proxecto en concreto, espero poder escribir moito deste ^^. O ano pasado acabara deixándoo porque primeiro comezaron os exames e despois polo verán estiven sacando (e saqueino por fin) o carné de conducir. E ó inicio do curso púxenme con outras cousas e funo deixando. Así que, como vedes, non é comezar nada novo, senón continualo.

6 - Conseguir ALGO de rutina coa escritura

Cousa que estou conseguindo estes últimos días porque estou de vacacións (a semana que vén xa teño clase) e porque necesito acabar eses libros e mandalos a eses concursos porque necesito esa realización persoal como sexa. O meu problema virá despois, porque habitualmente despois dunha época de moito escribir, adoito comezar unha época aínda máis longa de non escribir. Quero acabar como sexa con esa tendencia e penso que Un feitizo de faíscas é a historia perfecta para conseguilo.

7 - Centrarme nos estudos

A ver, isto púxeno porque realmente é un propósito, pero considero que é algo que levo toda a vida facendo. Así que é só continuar como ata agora, ó mellor tendo que compaxinalo co blog e coa rutina de escritura, pero polo demais non debería supoñer ningún problema, porque para algo estarei pagando pola universidade, digo eu.

8 - Atreverme a ser máis organizada

Este si que vai ser o meu maior reto. Porque lle teño unha especie de fobia á organización, a establecer rutinas e cumprilas. Non duro nin dous días e levo anos comprobándoo. Pero esta vez quero que iso cambie, quero ser capaz de escribir nunha libreta o que quero conseguir nun mes ou máis a longo prazo. Quero establecer algunha rutina que me axude a poder manexar o blog, a escritura, os estudos e tamén a ter tempo libre. Por agora vou ben, espero que dentro dunha semana, co inicio das clases, sexa capaz de manterme.

E estes son os meus propósitos. Que vos parecen? Vós tamén vos propoñedes propósitos de ano novo ou sodes máis de irse marcando metas a medida que se presentan?

Que teñades unha feliz semana e vémonos por Sindy e Rush!!

Photo by Denise Karis on Unsplash

Comentarios

  1. Eu tamén me propuxen 2p libros para este ano, pareceme que ao redor dese número vai moi ben. O caso é ler con pracer e calma :)
    Co da organización, é todo intentalo e errar moitas veces, xa atoparás o método que te funciona. O importante é non desesperar e seguir sempre probando cousas.

    E polo resto, moito ánimo, son proxectos moi bos :) agardo que vaian adiante e estarei atenta cando fales deles.

    Appertas!!!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Olaaa!! Non sabes o que me alegra verte por aquí, debes de ser a lectora VIP do blog ^^. Sii, o mellor que se pode facer é escoller un número de libros co que nos poidamos sentir cómodas e non asfixiadas por unha meta imposible.
      O da organización levo intentándoo moito tempo, pero é o que dis, a partir dos erros é como se aprende. A ver se este ano por fin atopo unha organización que me axude a levar certo control sobre o que fago.

      Espero que ti consigas tamén todo o que te propoñas. Bicos!! ☆

      Eliminar
  2. Eu os meus propósitos marqueimos antes de tempo, xa sabes. E agora que acabei (por fin) cos exames, toca volver con eles. Con forza e intentando non desanimarme.
    Moito ánimo cos teus!!! Tesme aquí para calquera cousiña <3

    Biquiños!!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Ola, Alba!!! Creo que o importante dos propósitos é dar o mellor dunha mesma. Desanimarse ás veces é difícil de evitar, pero recordar que para aquelo que nos gusta sempre é posible sacar tempo seguro que che dará forzas para tirar para adiante. Se non te rendes xa estarás saltando o primeiro obstáculo ^^

      Un abrazo!! ☆

      Eliminar

Publicar un comentario

Estamos desexando ler os teus comentarios!