Los días que nos separan, de Laia Soler - Opinión


Ola, cazadores de historias!!

Levaba moito tempo querendo ler este libro. Por un lado, quería descubrir cal fora o primeiro libro que gañara o premio Plataforma Neo e, polo outro, tanto a fermosa portada como a sinopse tiñan algo que me atraía. Hai un par de meses, cunha oferta que fixo a editorial polo Black Friday, aproveitei para comprar varios libros (admito que son moi fan dos libros de Plataforma Neo), entre os que se atopaba este.

Déixovos cuns datos xerais sobre o libro e coa sinopse (que traducín eu ó galego porque me pareceu máis axeitado que deixala en castelán ^^):

Libro: Los días que nos separan
Autora: Laia Soler
Editorial: Plataforma Neo
Ano: 2013
Páxinas: 416

Sinopse
«O tempo non ten suficientes días para separarnos.»
Abril está obsesionada cos seus soños. Desde que se cruzou con ese descoñecido na biblioteca, el aparéceselle cada vez que queda durmida.
No seu mundo onírico, o chico é Víctor, un burgués da Barcelona de 1914, y ela... Ela nin sequera é ela mesma, senón Marina, unha obreira que vive no mesmo edificio que Víctor.
Mentres a historia dos dous mozos do pasado avanza noite tras noite, Abril loita por manterse á marxe das emocións de Marina e intenta descubrir que significan eses soños.



Teño que dicir que son unha lectora bastante tranquila e que leo amodiño, por iso me parece relevante destacar que este libro me durou dous días. Dous días. Pódese dicir que o devorei.

O libro está dividido en dous tipos de capítulos: os de Abril e os de Marina, que se van alternando un despois do outro. Abril é unha universitaria cunha vida completamente normal ata que se cruza cun rapaz na biblioteca; porque a partir dese momento, polas noites comeza a ter soños nos que ela se converte nunha moza chamada Marina que vive na Barcelona de 1914. Por se isto non fose pouco, nos seus soños aparece un chico chamado Víctor que é cravadiño ó rapaz co que se atopou na biblioteca. Abril, como é lóxico, empeza a preocuparse, porque os soños son completamente reais para ela: recorda á perfección todos os detalles, incluso se queda cos olores.

Sabedes que é o que engancha tanto desta historia? Que o lector acaba tan metido en toda a historia de Marina como a propia Abril. Porque Abril, a pesar de non entender por que está soñando coa vida doutra persoa, acaba desexando que cheguen eses soños. E eu, como lectora, sentín esa mesma necesidade. Cando acababa un capítulo xa estaba desexando ver como continuaba a historia de Marina e Víctor. E iso que desde o principio fun intuíndo por onde ía tirar a historia, pero é que necesitaba saber máis sobre eles.

A maxia deste libro, para min, foi sentirme tan identificada coa protagonista: compartir ese desexo de que a historia non acabe, de ver o que está por vir incluso cando intúes o que vai pasar.

A narración é sinxela (no sentido de que é áxil e non se para en descricións), os personaxes están moi ben definidos e, desde logo, o libro engancha moito. Despois de ler o último capítulo, quedei con ganas de máis, con ganas de ver aínda que fose unha última escena posterior á final. Porque aínda que sabes como acaba, queres ler máis sobre os personaxes, o que me parece moi positivo.

En canto ó romance, é unha historia preciosa, non é necesario que diga máis. É desas historias que recordas con cariño :)

Para rematar, vou deixar por aquí algunhas frases bonitas do libro:
***
“–Tal vez es una señal.
–¿De qué?
Víctor se encoje de hombros.
– Tú eliges. Las señales sólo existen y tienen sentido cuando queremos que lo tengan.”

“Nadie puede hacerte feliz. La felicidad es un sentimiento propio que nace de uno mismo.” - Creo que esta foi a que máis me gustou, non porque crea que os demais non poidan facerte feliz, senón porque se ti non es o primeiro en intentar ser feliz, por moito que os demais intenten que o sexas, non poderán conseguir nada. A felicidade nace dun mesmo ^^.

“Que te quiera no significa que quiera estar a tu lado.”

“El tiempo no tiene suficientes días para separarnos.”

***
Lestes o libro? Coñeciádelo? Eu estaba desexando ler algo de Laia Soler e despois de facelo, teño claro que non será o último que lea dela (sobre todo tendo un libro que me parece tan fascinante como Nosotros después de las doce, algún día fareime con el).

Seguide viaxando entre historias!!

Comentarios

  1. Xa teño que facer camiño ao traballo, explorar esa editorial (non a coñecia). O libro soa moi ben, a trama paréceme moi chula, engádese á miña eterna lista de libros por ler.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Ola!! Pois Plataforma Neo é das miñas editoriais preferidas (tamén che digo que depende moito da temática que che guste; en Neo adoitan ser libros con algo de trama romántica, aínda que esta trama non ten por que ser o centro das historias).
      Para min, os libros que aguantan anos nesa eterna lista son os que realmente quero ler (sérveme de criba para os libros que acaban de saír). Aínda lin haberá dous meses un libro que levaba case cinco anos querendo ler XD.
      Unha aperta!!

      Eliminar
  2. Ola!!!
    Adoro os libros que te enredan. E xa sabes que os meus favoritos son os que teñes uns personaxes que te atrapan aínda máis que a historia, destes que son tan marabillosos que lerías máis e máis sobre eles só por seguir téndoos ao teu lado.
    As frases encantáronme!! Especialmente a dos sinais (supoño que xa saberás por que).
    Un bico!!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Ola!! É que o dos sinais é moi nós XD. Pois xa sabes, se algún día queres ler o libro dimo ^^.
      Un bico de estrelas!

      Eliminar

Publicar un comentario

Estamos desexando ler os teus comentarios!