Ola!! Somos Sindy e Rush, dúas pequenas bruxas na ficción e dúas universitarias e intento de escritoras na realidade.
Dámosvos a benvida a este recunchiño no que estades todos convidados a apaixonarvos con nós. Aquí tedes unha benvida como é debido.
E quen son Sindy e Rush?
Pois dúas amigas que no 2015 decidiron comezar unha aventura no mundo de blogger co blog Tardes de Fantasía, no que seguimos compartindo moita fantasía. Nel publicamos relatos e escritos varios elaborados por nós mesmas, a maior parte en castelán, aínda que algunha cousa en galego hai. Se vos interesa ler o que escribimos, ese é o lugar!
Na ficción, Sindy é unha rapaza moi imaxinativa e que tende a pasar máis tempo perdida nos seus pensamentos ca no mundo real. Na realidade, poderíase dicir que se parece, pero ten uns cantos aniños máis e está estudando o grao en Lingua e Literatura Galegas na USC. Gústanlle o rosa, as bolboretas e as estrelas. Cando non é bruxa, é fada e algunhas veces incluso escritora.
Na ficción, Rush (que se pronuncia “rax”) é unha rapaza explosiva, literalmente; tende a xerar explosións con todo o que toca e adoita ser torpe e esquecer as cousas. Na realidade, é moito menos explosiva, pero esquecer si que esquece algunha cousiña ❤. Estuda o grao en Biotecnoloxía na USC e sempre intenta sacar tempo para escribir. Gústalle o vermello (rojo), os volcáns e os soles.
E estas somos nós, tamén nos podedes atopar como Sandra (Sindy) e Alba (Rush) ou incluso como Aldra.
Co blog de Sindy e Rush pretendemos crear ese tipo de contidos que non adoitamos ver en galego. Logo, de que vai este blog? Principalmente compartiremos opinións sobre libros, series, películas… As publicacións serán variadas, dende Top 10 ata opinións un pouco máis elaboradas de series que nos gusten. Por suposto, estamos abertas a suxerencias e encantaríanos ler tamén as vosas opinións e comentarios, porque a única maneira posible de normalizar o galego é empregalo en tódolos ámbitos, non só na escola ou para facer recensións de libros en galego. O que buscamos precisamente é poder compartir opinións sobre libros escritos en castelán ou animes que vemos en xaponés.
E este será o contido principal ^^.
*SOBRE AS IMAXES: Sempre intentamos empregar imaxes propias ou con dereitos de reutilización libres. Hai imaxes (en especial de series e películas) que é imposible atopar con dereitos libres, así que se as incluímos trataremos sempre de indicar o lugar de procedencia. As imaxes que se deslizan na cabeceira do blog proceden todas (menos a de Sindy e Rush, que é de elaboración propia) das Wikis Fandom correspondentes a cada serie.
Animádesvos a acompañarnos nesta aventura na procura de historias? Nós xa estamos listas, e vós?
Benvidas e benvidos a Sindy e Rush, corremundos e cazadores de historias ★
Debuxo e edición de Sindy

Comentarios
Publicar un comentario
Estamos desexando ler os teus comentarios!