Que foi dos meus libros en 2019?


Bos días, corremundos!!

O 2019 chega á súa fin e pensei que non había mellor forma de despedilo que observando o estado dos meus estantes de libros. Porque se hai algo que define moito a unha persoa que le son, sen dúbida, os seus libros e a súa forma de colocalos. E algo que tamén define o paso do tempo é a acumulación de libros nos estantes. Porque como son unha persoa que compra varios libros ao longo do ano, sempre teño que andar a redistribuír para que me caiban todos.

De feito dende o outro día que fixen as fotos ata hoxe xa cambiou algún libro de sitio. Nunca o pensara, pero é moi interesante a facilidade coa que algo en aparencia estático muda con tanta rapidez. Así, ademais de abrirvos un anaquiño do meu mundo para que me coñezades máis, aproveito para inmortalizar os meus libros a finais de 2019, porque se de algo estou segura é de que dentro dun ano van presentar un aspecto moi diferente.

E sen máis demora, aquí tedes os meus estantes:



Este é o meu estante máis estático, o que dalgún xeito xa está disposto tal e como quero que quede. É tamén o estante cos libros que máis aprecio. En primeiro lugar están os de Fairy Oak, os libros cos que empecei a amar a lectura. A continuación está a triloxía de Rubí, Zafiro e Esmeralda, que son os meus libros favoritos e quedarán con ese título para a posteridade. Á triloxía de Los juegos del hambre tamén lle teño cariño porque nunca lera un libro tan rápido e en tan pouco tempo como o primeiro desta saga (un día me durou!!). Para moitos será xa unha triloxía moi gastada e incluso algúns a desprestixiarán, pero o que non se pode negar é o seu papel na literatura: puxo de moda as distopías xuvenís, marcou, digamos, o inicio dunha etapa de libros. Para min tamén son uns libros moi interesantes porque foron os primeiros que lin que estivesen narrados en primeira persoa do presente e tendo en conta que actualmente é un tipo de narración que emprego nas miñas historias, podo dicir que estes libros foron o seu inicio.

A bolboreta foi un regalo de Rush e, a risco de que o sol acabe coas súas cores, non podería estar en mellor sitio. Divergente foi un libro que tamén me gustou, aínda que decidín non comprar os seguintes porque me fixeron spoiler do final e non me apeteceu continuar coa historia. En canto a Aunque llueva fuego, é un moi bo libro. Quizais estes dous últimos libros non teñan aínda unha distribución definitiva, pero o resto estou bastante segura de que si.

Xusto enriba deste último libro están dous pequenos volumes (o verde e o gris); correspóndense cos libriños que se editaron cos relatos gañadores dun concurso do concello do que somos. Un é do ano no que gañou Rush e outro, do ano no que gañei eu ^^. E xusto enriba, a caixiña branca garda dous bolis aos que lles teño moito aprezo.

Xa para rematar con este estante (non pensaba que un estante podía dar para tanto), ao lado está o marabilloso disco de Sabela, xunto cunha boneca “Mariquita Pérez” (dá un pouco de medo talvez, pero foi un regalo e téñolle cariño) e unha figuriña de Yoshi porque é un dos seres máis adorables do mundo (se queredes un día cóntovos como se converteu no meu personaxe favorito de Mario).



Como podedes ver, este estante xa empeza a ser caótico e non segue orde ningunha. A función deste estante non é ser bonito nin ser o meu estante favorito (como o anterior), senón albergar o maior número de libros posible. Aquí teño os libros de Laura Gallego (autora da que lin case todos os libros), libros varios que tiven que ler para clase e outros libros que caben polo medio. A boneca está aí porque estaba aí moito antes de que o estivesen todos eses libros; naquela época na que só a metade do estante estaba ocupado…

E non teño moito máis que dicir, se hai algún lombo que vos chame a atención comentádemo e eu fálovos sobre a que libro pertence e se é un libro con algunha historia detrás.



Por último, este é o estante ao que máis proveito lle estou sacando: teño libros en dobre fila e tamén colocados en horizontal enriba. Este estante xa ten un pouco máis de orde no sentido de que aquí están todos os libros que teño da editorial Nocturna e tamén os da editorial Plataforma Neo (falta algún pero débese a que os estou lendo e por iso xa non están no estante).

Aproveitei, xa que polo momento aínda teño oco, para colocar as figuriñas das Winx que teño, así como as postais literarias que teño e algún outro elemento que me pareceu bonito. Tamén teño a estampiña da Virxe aí colocada porque me parece mellor lugar que no fondo do caixón onde estaba.

Libros a destacar? Pois a enciclopedia de Idhún e algunhas estampas de Castelao que están á esquerda da imaxe (as estampas son eses dous volumes amarelos). Teño libros de Javier Ruescas, Clara Cortés, Iria G. Parente e Selene M. Pascual, Victoria Álvarez… Si, gústame moito a literatura considerada xuvenil e penso que me seguirá gustando durante bastante tempo ^^.

Teño máis libros en galego ademais de A balada dos unicornios que se ve na foto (só se ve un anaquiño, é o primeiro dos que están en horizontal). Tampouco teño tantos, hei de recoñecer, porque aínda non atopei eses libros escritos en galego que me atraian (así como en castelán xa sei de moitos autores que escriben os xéneros que me gustan, como os anteriormente mencionados); pero algún máis teño: A lúa da colleita, Carrusel (que se ve na foto aínda que non se distinga), Máscaras rotas para Sebastian Nell (libro que algún día lerei por fin…), etc. Están xusto no estante de embaixo pero digamos que é un estante que aínda habilitei o outro día para libros (estaba cheo de libretas), porque necesitaba con urxencia espazo.

Mencionarei de forma especial o libro de Mío, de Raquel Tirado, porque é un libro que observei dende antes de publicarse. Con este libro, a autora quedou finalista nun concurso (o Jordi Sierra i Fabra) e a partir de aí decidiu autopublicalo. Eu coñecina por aquel entón e foi precioso ver como a historia pasaba de ser o nome dun libro a ser un libro real nas miñas mans.

Debo dicir que teño algúns estantes máis con libros de cando era máis pequena, como Kika Superbruxa por exemplo, pero non están nada decentes como para fotografalos. Ao mellor algún día comparto por aquí algo como “libros curiosos que lía cando era pequena”. Gustaríavos?



Espero que esta publicación sobre os meus libros e estantes resultase do voso interese. Estarei encantada de ler os vosos comentarios ^^.

Seguide viaxando entre historias!!

Comentarios

  1. Primeiro estante: que importantes eses libro que significan tanto para unha :) e Yoshi é simplemente adorable, é imposible non querelo.

    Recomendación de libros en galego: Frankenstein, de Mary Shelley. Acaban de sacar unha edición preciosa por ~20 euros.
    E tamén teño O hobbit, que é dos meus favoritos, aínda que ese só o lin en castelán.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Olaa!! Non sabía que Frankenstein estaba en galego!! Alégrame moito sabelo porque hai uns anos lin o libro en castelán e dende entón é unha das miñas lecturas preferidas, xusto hoxe lle dicía a miña nai que tiñamos que compralo para a casa. Sabes en que editorial sacaron esa edición?
      Téñenme falado moi ben d'O hobbit ^^, anotareino para lecturas futuras.

      Que teñas unha boa semana!!
      Moitos bicos! ☆

      Eliminar
    2. A editorial chámase Aira https://airaeditorial.gal/ :)

      Eliminar
    3. Ola, Appa!! Moitas grazas, botareille un ollo ^^.

      Eliminar
  2. Ola!!!!

    Estaba mirando polo blog e deime conta de que non comentara nada nesta entrada!! Tes razón no de que os libros e a forma de colocalos din moito da persoa en si. Eu, como curiosidade, e aínda que soe un pouco raro, coloco as sagas ao revés, no sentido de que, en vez de colocalos de esquerda a dereita, poño o primeiro libro á dereita de todo. Sei que todo o mundo os coloca ao outro xeito, pero a min gústanme máis así. Por que? Pois nin idea jajajajaja.

    Gustoume moito a entrada!! Porque non é o mesmo saber que libros tes ou telos visto colocados algunha vez (aínda que cambiaran) ca que expliques por que están así ou contes algunha curiosidade sobre eles.

    (Por certo, se o sol lle quita a cor á mariposa, aquí estou para volver a pintala <3).

    Bicos!!!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Ola!! Déixasme tola con eso de que colocas as sagas ó revés (imaxina este emoticono da cara espantada)!! Eu colócoas así polo simple feito de telas como en orde, na orde que temos aquí en occidente de esquerda-dereita (como na escritura). Ponme dos nervios, por exemplo, que a maior parte das editoriais poñan os títulos nos lombos dos libros de abaixo a arriba e non de arriba a abaixo. Explícome: odio que Divergente (primeiro estante) teña o título ó revés, pero poñer o libro boca abaixo para que se lea ben tamén me pon dos nervios. Xa ves que son unha maniática da orde ;).

      Un bico!!

      Eliminar

Publicar un comentario

Estamos desexando ler os teus comentarios!