7 series que marcaron a miña infancia! - Sindy


Ola, cazadores de historias! Que tal a semana?

Antes de comezar a soltarvos todas as publicacións que farei sobre series que me gustan (que son mooitas), parecíame boa idea facer unha lista coas series (animadas) que máis marcaron a miña infancia. Facer unha lista así é complicado porque de pequena vía moitos debuxos e seguro que mañá se me ocorrerá outra serie que debería estar aquí incluída. Podedes considerar que esta listaxe recolle as series máis importantes para min, tendo en conta que quedarán fóra moitas series que tamén foron importantes pero que quedan un pouco por detrás destas.

E, en fin, era un top 5 ata que se converteu nun top 7, cousas que pasan.

Por suposto, a orde na que aparece non se debe á relevancia, pois todas marcaron a miña infancia (e a min mesma) dalgunha forma; é unha orde aleatoria, ou non... Así que, sen máis, estas son as series que marcaron a miña infancia!

1. Dragon Ball

Ou Son Goku para os amigos. Non recordo ningún momento da miña vida no que non vise Son Goku, lémbrome das tardes de inverno de cando tiña cinco ou sete anos vendo Son Goku no Xabarín Club e acompañada da miña familia. Quizais de entre todas as series que vou mencionar, esta si podería ser a que gardo máis profundamente no meu corazón porque é a máis antiga, lévame acompañando toda a vida e debe de ser das poucas que son capaz de lembrar tan ben (o nome dos personaxes, a trama, os lugares…).

Por suposto, é de obrigada mención que o meu personaxe favorito é o Son Gohanda da saga de Célula. Supoño que de pequena me gustaba porque se achegaba a min en idade, ademais de polo poder que tiña.

Imaxe de Dragon Ball Wiki

2. Pretty Cure

As orixinais, tanto a serie de Futari Wa Pretty Cure como a de Pretty Cure Max Heart. Nagisa e Honoka son as miñas heroínas preferidas e considero que o anime ten todo o necesario para ser un dos meus favoritos: unhas cancións marabillosas (tanto de intro como de ending), unhas pelexas moi boas, unha estética preciosa (os traxes, os ataques…), unha historia sinxela pero moi entretida e uns personaxes que che chegan ó corazón.

A mensaxe que transmite esta serie tamén é moi boa: hai que tratar de loitar ata o final, saltando os obstáculos que se interpoñan no camiño, e confiar nas persoas que están ao teu lado. A amizade entre Honoka e Nagisa é preciosa, porque son dúas persoas moi distintas que incluso teñen as súas discusións pero que no que é importante permanecen unidas.

3. Winx Club

Fadas que se transforman con traxes preciosos e aínda por riba teñen poderes incribles? Que ademais teñen cancións mentres se transforman? Pois si, son a miña debilidade. Esta serie, ademais, ten moita importancia para min porque a cantidade de historias que creei a partir dela (e que sigo creando na actualidade, Rush tamén está metida nisto) é demasiado inmensa como para tratar de explicalo nunha única entrada de blog.

É unha historia que fala de amizade, do poder que se consegue por esa unión, porque xuntos somos máis fortes. Cada unha das fadas protagonistas é única, ademais de que presentan características físicas que se corresponden con rexións distantes do mundo (trazos orientais como os de Musa e africanos os de Layla). O único problema que ten o físico é que todas son perfectas, pero que se lle vai facer. E a cisheteronormatividade tamén a podían deixar un pouco de lado, pero tampouco se lle pode pedir moito neste sentido a unha serie do 2004.

Imaxe de Winx Club Wiki

4. Mermaid Melody Pichi Pichi Pitch

Ao principio era unha serie que non me chamaba demasiado, pero cando a empecei a ver quedei encantada. Princesas sereas que loitan cantando non se ve tódolos días. Foi calando fondo pouco a pouco, capítulo a capítulo e canción a canción. Actualmente podería cantar a maioría das cancións sen equivocarme demasiado na letra, así que o influxo desta serie vese claro.

Tamén é unha historia de amizade e teño que dicir que ten aspectos bastante profundos, porque algunhas das princesas sereas fixeron fronte á destrución dos seus reinos, ademais do debate que se xera na segunda temporada cando saben que deben volver ó mar porque son as princesas dos seus océanos pero tamén queren quedar na terra.

5. Detective Conan

Encantábame. En serio, a historia dun adolescente que se convertía en neno e se dedicaba a resolver casos policiais mentres gardaba en segredo a súa verdadeira identidade para min era unha historia xenial. Tiña intriga e emoción a partes iguais.

6. Shin Chan

Aquí tamén teño que incluír as películas, algunhas das cales tiven a sorte de ver en galego. Non é unha serie que me marcara polo seu valor educativo, senón polo única que é. Non sei nin que dicir sobre ela, porque Shin Chan é Shin Chan (e todos concordaredes comigo en que Shin Chan en galego é mil veces mellor ca en castelán). Pois iso, é un deses debuxos que tamén vía dende sempre.

Imaxe de ShinChan Wiki

7. Nadja

Esta serie teño que mencionala porque ten unha esencia moi particular: está protagonizada por unha rapaza que marcha do orfanato no que leva toda a súa vida vivindo cando descubre que súa nai está viva. E unha vez que sae do orfanato, entre aventura e aventura únese nada máis e nada menos que a unha compañía ambulante.

Recordo que cando pasaron os anos, esquecera como se chamaba esta serie e pasara un tempo buscando cousas como: serie dunha rapaza cun broche en forma de corazón. Ao final dei con ela ^^. Non é unha historia demasiado especial, supoño, pero gárdoa con moito cariño. 

Outras series

As anteriores digamos que foron as que máis pegada deixaron en min, pero para finalizar quería facer mención a outras series (animadas) que tamén me gustaban, porque tamén merecen un oco aquí: as tartarugas ninja (porque eran xeniais), Oliver e Benji (porque adoraba cando Oliver se lesionaba e aínda así seguía xogando), Código Lyoko (quen non xogou algunha vez a ser algún dos seus personaxes), Ben 10 (a versión antiga, non esa estraña cousa renovada que hai agora), American Dragon (era xenial, sen máis), etc.

Podería mencionar algunha máis recente como Phineas e Ferb ou Os padriños máxicos, que tamén serían parte da infancia, pero para min son algo posteriores que as anteriores. Os Simpons xa non os menciono porque xogan noutra liga XD. Era pan de cada día chegar da escola e do instituto e ver os Simpsons á hora de comer; non é comparable co resto de series, como comprenderedes.

Seguide viaxando entre historias!!

Comentarios

  1. Sentinme vella porque non coñecía varias, pero é moi boa elección nas que sí coñezo.
    Igual non che tocou, pero unha que me ENCANTABA era X-men na galega.
    Moi boas series as do xabarín ��

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. A de X-men non a coñecía! A mellor decisión que poderían tomar na galega sería crear un canal de televisión que fose Xabarín Club 24 horas (porque xusto ás horas ás que poño a tele non me coinciden co horario actual do Xabarín e é unha mágoa).
      Pois alégrome de que descubrises algunha serie! Non te sintas vella, síntete privilexiada de poder recomendar series que a outras non nos tocou ver ^^.

      Un bico!!

      Eliminar
  2. Oliver y Benji, Código Lyoko, Shin Chan y las Winx. Oliver y Benji era súper surrealista. Se tiraban tres capítulos para que el balón llegara a portería. El "cuíño cuíño" de Shin Chan era lo mejor de las tardes de merienda. Los Simpson me los vi veces y veces y repetidos.... Las series de antes le dan mil vueltas a las de ahora.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Síntome mala persoa porque eu desfrutaba cando Oliver se lesionaba e aínda así seguía xogando XD. Vexo que compartimos moitas series! Moi de acordo con que as series de antes tiñan algo que, en xeral, non teñen as de agora. Creo que agora as fan demasiado infantís (xa digo, en xeral).

      Unha aperta!!

      Eliminar
  3. Ola!!!
    Gustoume moito a entrada!! Moitas das series que mencionaches tamén son importantes para min, algunhas porque as vexo dende sempre e tamén marcaron a miña infancia, outras porque, aínda que as vise fai pouco ou relativamente pouco, tamén me marcaron dalgunha maneira (e non cambio ver Son Goku contigo por nada do mundo!!).

    Bicos! :)

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Ola!! O de que non viras Son Goku ata o ano pasado pásocho porque foi moi guai velo xuntas XD. Alégrome de que as series que che recomendei desde que nos coñecemos che gustasen (para min eran moi especiais e era case imprescindible que ti as vises). Cando queiras, fai a túa versión desta entrada ;).

      Un saúdo!!

      Eliminar

Publicar un comentario

Estamos desexando ler os teus comentarios!