Por que o opening de Pretty Cure é tan xenial?


Ola, cazadores de historias!

Como xa comentei na entrada de 7 series que marcaron a miña infancia, Pretty Cure é unha delas. Hoxe apetecíame analizar o seu opening (ou intro, que era como lle chamaba de pequena e paréceme unha palabra máis galega). De feito, viña coa idea de xuntar a intro e os endings nunha soa publicación, pero creo que, polo menos o opening merece unha análise por separado. Por agora, aquí vos traio a miña opinión sobre a intro de Pretty Cure!


Aspectos xerais que fan que me encante:

É unha canción moi potente de principio a fin, tanto a nivel de música como de voz. Empeza como unha explosión e remata do mesmo xeito e polo medio non perde potencia. Música e imaxe combínanse á perfección para dar esa sensación de velocidade que despois se ve representada na serie por medio das batallas.
E que dicir desa mestura de voces que ás veces parece unha única voz e outras parecen moitas á vez. É unha voz infantil que creo que queda de marabilla, para min fai que sexa un opening único. No que respecta á letra, transmite esforzo, loita e motivación; perfecta para poñer nun deses días grises.

Analizando a letra e a imaxe en conxunto!

Pretty Cure, Pretty Cure Pretty Cure, Pretty Cure Pretty Cure, Pretty Cure...
Soy un bombón 
Quiero ayudar 
Tengo el poder de ¡curar!
O inicio paréceme moi acertado: empeza coas pedras prisma e co comezo da transformación de Nagisa e Honoka, que despois aparecen xa transformadas a modo de presentación dos personaxes.

Si hay un obstáculo lo saltamos, no nos va a parar
Somos chicas duras aunque nos vistamos con el uniforme escolar
A continuación, amósasenos ás protagonistas coas súas facetas máis humanas: Nagisa escapando dos malos con cara de horror e Honoka facendo un experimento que acaba en explosión. Ademais de que a frase “Si hay un obstáculo lo saltamos, no nos va a parar” paréceme unha desas frases que anotas na túa libreta para darte ánimos a ti mesma.

Todos los peligros que logramos siempre superar
Más valor (más valor)
Nos harán (nos harán)... ¡alcanzar!
Aquí vese un fragmento da transformación das protagonistas, unha transformación que visualmente é moi bonita. Despois da escena de Nagisa e Honoka na clase, amósase quizais a escena máis relevante, para min, de toda a intro: cando as protagonistas se cruzan e aínda non se coñecen. Porque a esencia desta serie non deixa de ser que dúas rapazas moi distintas entre elas, tanto que incluso indo na mesma clase non se relacionaban, acaban unindo forzas e converténdose no apoio da outra; entre elas nace unha amizade preciosa que supera calquera obstáculo.

(Crush!) Lo mejor de ti, yo lo mejor de mí 
¿¡A quién le importa un melón/bledo/error!?
E volvemos coa acción! Nagisa e Honoka danse a man para segundos despois aparecer en plena batalla saltando polos aires. Como vedes, na seguinte frase non me queda moi clara cal é a palabra que di. Eu sempre cantei esta canción dicindo “melón”, porque me gusta a mensaxe que implica: que os demais non se teñen por que meter na túa vida (polo menos así o interpreto eu).

Porque la magia está tras una puerta que la risa tiene abierta sin temor
Ella nos va a mostrar la vida en todo su esplendor
Aquí vese a Nagisa xunto a ese chico do que está namorada e cuxa historia de amor nunca se ve realizada XD. Realmente, non creo que Pretty Cure necesite unha historia de amor, pero xa que me metes a un interese amoroso, pódelo aproveitar, non sei. E en canto a este fragmento de letra, creo que é preciosa esa imaxe de que é a risa (o sorriso) quen mantén a porta da maxia aberta. Que sorrindo é como máis brilla a vida.

¡Venga, vamos allá! 
Pretty Cure, Pretty Cure, Pretty Cure, Pretty Cure 
¡Lo debemos hacer! 
Vistes a escena rara esa na que aparecen como todos os alumnos camiñando? Eu tamén, nunca cheguei a entender o seu significado. Despois aparecen Nagisa e Honoka, case vencidas tras loitar nunha batalla pero levantándose aínda cando vencer parece imposible (outra das escenas máis importantes da intro ^^).

Soy un bombón
Quiero ayudar 
Tengo el poder de ¡curar! 
Pretty Cure, Pretty Cure…
E aquí recompílanse momentos de ambas: cada unha pensativa na súa casa, a escena na que aínda non se coñecen e as dúas xuntas, coas pedras prisma de fondo, transformadas e listas para loitar.

Como se pode observar, intercálanse escenas cotiás das protagonistas con escenas da súa vida de gardiás da luz. Todo é moi dinámico, moi explosivo; non hai nin un segundo de descanso e cando te dás conta xa pasou toda a canción. Creo que representa moi ben a esencia da serie e que, por iso, na temporada de Pretty Cure Max Heart deixaron esta intro.

De feito, para que se notase a diferenza entre temporadas, no que respecta á letra intercalaron as palabras “Max Heart”. A música tamén cambia lixeiramente e, aínda que pareza difícil, se vos fixades a intro ten aínda máis saltos e explosións XD.

Déixovola aquí para que comprobedes vós mesmos a diferenza! (Porum, o bichiño ese que salta sobre as rochas, é unha auténtica monada!!).


Vistes Pretty Cure? Recoméndovola moito ^^. Hai algunha intro dalgunha serie que vos encante e que tamén vos transmita a enerxía positiva que transmite a de Pretty Cure?

Grazas por ler! Seguide viaxando entre historias!

Comentarios

  1. Ai, que ganas máis tontas de volver ver Pretty Cure!! Non esperaba para nada esta entrada na miña primeira exploración do voso blog, pero que ganas de seguir porque cantos recordos!

    Eu vira a serie hai bastante, na miña adolescencia (o tempora, o mores!), e por engadir outra serie direi Pichi Pichi Pitch, pero cunha diferencia: as chicas de Pretty Cure mostran unha imaxe máis forte, independente e empoderada que as miñas queridas sereas.

    Un bico!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Ola!! Sempre é bo momento para volver ver Pretty Cure ^^. Boa observación a de Pretty Cure e Pichi Pichi Pitch. Estaba pensando en facer unha entrada clasificando as cancións das inimigas de Pichi Pichi Pitch segundo as que máis me gustan e as que menos, un Top cancións das vilás de Pichi Pichi Ptich XD. A ver que sae.

      Unha aperta!

      Eliminar
  2. Ola!!!
    Como falara contigo en persoa desta entrada non me acordaba de que non che puxera ningún comentario!
    Gustoume moito que foras analizando o opening por escenas, coa letra e as imaxes de cada unha, con tanta profundidade como fixeches. Temos que facer máis entradas así (aparte desa que xa temos falado e que tamén ten que ver cun opening...).
    Unha entradaza, vamos. Tamén porque se nota que desfrutaches moito escribíndoa :). Por certo, xa cho dixen en persoa, pero póñoo por aquí tamén: eu sempre entendín "melón" ("error" aínda máis ou menos, pero "bledo" a verdade é que nunca entendín).
    Un bico!! <3

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Ola!! Cando busquei a letra e atopei cousas como "bledo" quedei tan asombrada coma ti. Para min Pretty Cure é unha serie moi especial e poder dedicarlle entradiñas así é unha delicia (e poder ver e escoitar o opening tropecentas veces para analizalo tamén!).
      Pois xa sabes, se hai un obstáculo, saltámolo, non hai nada que nos poida deter.
      Biquiños estelares!!

      Eliminar

Publicar un comentario

Estamos desexando ler os teus comentarios!