Ola, cazadores de historias!
Convídovos a ler esta entrada virades as sereas de Mako ou non, porque a miña intención non é facer spoiler nin comentar a temporada 1 en si. A finalidade desta publicación é expresar a miña ira cada vez que o personaxe de Cam aparecía en pantalla. Todas as imaxes son sacadas de Netflix (servizo polo que estou pagando e polo tanto permítome facer capturas dalgún capítulo).
Este é Cam
Para introducirvos a serie, por se non a coñecedes, trátase dunha historia de sereas ó estilo de H2O. Nesta ocasión, as protagonistas son tres sereas que xa naceron sendo sereas, pero a súa vida cambia por completo cando un humano chamado Zack cae no estanque da lúa con lúa chea e se converte en tritón. Ata aquí temos unha premisa interesante. Que pinta Cam nesta historia? Pois Cam é o mellor amigo de Zack e en canto este se converte en tritón, é a Cam a quen lle conta o sucedido (nin llo conta á súa moza nin a seus pais, só lle interesa que Cam o saiba).
Cam co seu insufrible sorriso
Cal é o problema? Cam é o problema, porque é un ser humano egoísta que só trata de facerse o simpático. Para empezar, sente ciumes de Zack e dos seus poderes. Un día que se monta unha festa na casa de Zack, Cam enfádase con el e non se lle ocorre outra cousa que tiralo na piscina con todos os convidados por alí. Sorte que as únicas que estaban fóra nese momento eran as tres sereas protagonistas, porque chega a ocorrérselle a un dos invitados saír un momento a fóra e vería a Zack con forma de tritón. Que clase de mellor amigo te pon en semellante perigo?
Por non dicir a mala influencia que é Cam. Todos os personaxes que o rodean son odiosos. O propio Zack dá bastante asco cando está con Cam, porque Cam cómelle a cabeza continuamente. É Cam quen o convence de que as tres sereas protagonistas o están utilizando e só buscan que Zack perda os poderes para fastidialo. É Cam quen lle mete na cabeza a Zack que as sereas son as súas inimigas e que debe facerse co control de Mako.
Tamén temos o personaxe de Evie, a moza de Zack que non soporta ás protagonistas. E como non as soporta, vólvese tamén moi insoportable (pero disto xa falaremos nalgunha outra entrada que poidamos facer sobre o que nos pareceu a temporada 1). Pero o importante aquí é resaltar como Cam, cara ós últimos capítulos, a manipula e incluso a pon en perigo só por conseguir os seus obxectivos.
Porque Cam comeza a serie sendo o gracioso de turno e remátaa sendo o auténtico antagonista. Teño que felicitar ó actor porque en serio que nunca odiara tanto a un personaxe. É que Rush e eu mentres viamos a serie só queriamos empurralo por un precipicio porque xa non podiamos con el. Como vos dicía, hai un momento da serie no que pon en perigo o segredo de Zack, hai outro momento no que pon en perigo a vida de Evie e desde logo hai outro momento no que pretende impedir que as sereas poidan regresar ó estanque de lúa (que é o seu fogar, as sereas de Mako levan toda a vida alí; ou levaban ata que tiveron que marchar polo perigo de que houbese un tritón tan próximo a elas). É que eu non podía con semellante situación: por que Cam estaba obsesionado con ser superior ás sereas e arrebatarlles a súa forma de vida? Quen é el para crerse o amo e señor de Mako?
E os seus sorrisos. Sen dúbida, o que máis odiaba de Cam era que estaba seguido sorrindo coma se xa gañase a partida, desfrutando cada vez que conseguía amolar ás protagonistas. Un sorriso arrogante e asqueroso, se me permitides a expresión.
Este tipo de sorrisos eran os que odiaba
Para rematar, no último capítulo dedícaselle unha escena para min innecesaria que dura demasiados segundos. É el, na praia, tirando primeiro unha rocha ó mar, deténdose logo fronte ás ondas e poñéndose as gafas de sol. Como dicía, innecesaria, porque el non se merecía unha escena en solitario tan longa despois de todos os estragos que causa.
A continuación, procedo a ensinarvos dita escena para que entendades a miña indignación.
E nada máis! Espero que se algún día vedes a serie de “As sereas de Mako” odiedes a Cam tanto como o odio eu!!
Feliz semana e seguide viaxando entre historias!!
Escolliches as mellores imaxes, definitivamente (os seus sorrisiños, a súa cara de psicópata, a súa cara de psicópata desquiciado (esta é a da cova; a de psicópata a secas é a da vista fixa jajajaja), e as gafas de sol). Sabes? O malo de que escribiras esta entrada é que agora quedou a cara de Cam no blog XD.
ResponderEliminarE o actor merece moitísimo respeto, porque o fixo xenial (precisamente por eso lle temos tanto asco ao personaxe).
É que... agg, non sei que dicir de Cam aparte de que dá moito asco!
Ola!! Grazas por compartir ese asco cara a Cam, creo que esta entrada era necesaria (son as 3 da mañán e case me parto de risa cando entrei na entrada para responderche e volvín ver as fotos XD). Concordo con todo o que dis e espero que non teñas pesadelos con Cam.
EliminarUn bico!