Boas de novo!!
Que series andades vendo? Eu acabo de rematar a quinta temporada de “Las chicas del cable” e a verdade é que me gustou moito. Así que pensei en contarvos algunhas cousiñas dela, aínda que probablemente o mellor tería sido facer antes unha entrada coa miña opinión xeral sobre a serie. Pero apetecíame escribir esta, así que deixaremos a outra para outro momento.
Antes de nada, un aviso: esta entrada contén spoilers. Se alguén non viu a última temporada e a quere ver, recomendo que deixe de ler aquí. Iso si, é decisión de cada un. Para os que decidades lela: espero que vos guste!!
![]() |
| Imaxe de Chicas del cable wiki |
O primeiro que me gustou foi a ambientación: finais da Guerra Civil. Como retrataron a crudeza, o medo, a destrución, a resignación dos que xa levan vivindo a guerra anos e, especialmente, o non saber. Non saber se chegarás con vida a mañá e, o máis importante, non saber dos teus seres queridos que están no fronte. Isto último creo que o fixeron moi ben con Marga, que volveu demostrar o forte que é cando seguiu adiante aínda sen recibir noticias de Pablo.
Despois, a temporada fíxoseme curta. Vale, só ten 5 capítulos, pero hai unha gran diferenza entre que unha temporada sexa curta e que unha temporada se che faga curta. E foi porque mantiveron a tensión ata o final (xa o digo, eu estiven sufrindo moito por Marga).
E é que a trama de Marga e Pablo foi a miña favorita desta temporada! Díxeno e repítoo: sufrín moito por eles. Por Pablo, por verse metido no medio dunha guerra sen saber loitar. E por Marga, por todo o que se lle veu enriba. Como intentou protexer a Pablo, como aceptou que tivera que irse, como seguiu desvivíndose polos demais cando ela o estaba pasando mal, o seu embarazo, deixar de recibir noticias, e, ao final, as peores novas. Encantoume a súa forma de reaccionar cando lle dixeron que Pablo morrera. Porque se viu realmente o destrozada que estaba, porque non se limitou a afundirse e a facerse pequena, senón que se levantou e seguiu loitando, aínda que dunha forma un pouco autodestrutiva que non mostrara nunca e que che partía o corazón.
![]() |
| Imaxe de Chicas del cable wiki |
E remato cunha cousiña máis, esta dirixida especificamente a Sindy. Non sei cando verás a serie e lerás a entrada, pero… por que Francisco se tivo que deixar bigote?? XO
Graciñas por ler!!


Comentarios
Publicar un comentario
Estamos desexando ler os teus comentarios!