The seven deadly sins (Nanatsu no taizai) - Opinión temporadas 1 e 2


Ola, cazadores de historias!

Estou moi contenta de traer hoxe esta publicación ó blog porque The Seven Deadly Sins (Nanatsu no taizai) sen dúbida gañouse un oco nos meus animes favoritos. Agora que puiden volver ver as 2 primeiras temporadas (a 3ª creo que xa saíu pero tiña pensado vela con Rush, así que a ver se a poñen axiña en Netflix), reafírmome en que é unha moi boa serie. Vou falar sobre aspectos xerais, sen spoilers, así que se alguén non a viu, espero que lle entren ganas de vela ^^.

E de que vai este anime?

A historia comeza con Elisabeth, unha das tres princesas do reino de Liones. Elisabeth consegue escapar do castelo e sae na procura dos temibles sete pecados capitais, uns guerreiros que outrora serviran ó reino de Liones, pero que dez anos atrás mataron ó gran mestre dos cabaleiros sagrados e desde entón son criminais buscados pola xustiza. Elisabeth búscaos desesperada porque neses dez anos, os cabaleiros sagrados dedicáronse a maltratar ó pobo, polo que ten a esperanza de que os pecados capitais non sexan tan malvados como se di e a axuden a derrotar ós cabaleiros sagrados.
Esgotada, Elisabeth acaba nunha taberna que está dirixida por un neno que ten como compañeiro un porco que fala. Este neno, pouco depois, resulta ser nada menos que Meliodas, o capitán dos sete pecados capitais. E así é como comeza a aventura.


A nivel narrativo, para min a historia está moi ben construída, porque os personaxes vanse dando a coñecer pouco a pouco e a medida que vai pasando o tempo, imos descubrindo novas facetas súas, aspectos do seu pasado que descoñeciamos, etc. Tendo en conta que os personaxes principais desta historia chegan a ser máis de 7 (hay que pensar nos 7 pecados capitais por un lado, na propia Elisabeth, nos inimigos...), están todos moi ben tratados e reciben o seu xusto e merecido protagonismo.

Creo que os personaxes son o aspecto clave que para min fan desta serie unha serie tan especial. Ó principio, preséntasenos ós 7 pecados capitais coma uns foraxidos moi poderosos e perigosos. Despois, non só descubrimos que son verdadeiramente poderosos pero non tan malvados, senón que nos encariñamos con eles. E o mellor de todo é que cando parece que xa se nos contou a historia sobre o seu pasado, resulta que teñen un pasado moito máis convulso e aínda máis interesante do que sabiamos. Os personaxes vánsenos redescubrindo continuamente, nunca podemos estar seguros de saber toda a historia porque se van engadindo datos que ademais son moi coherentes e incluso se deixaron caer. A construción de personaxes é moi boa, con personaxes redondos, complexos e profundos que moitas veces van máis alá das nosas expectativas. Tampouco vos quero poñer aquí os personaxes polas nubes, pero si quero destacar que a forma de introducilos na trama, pouco a pouco pero de forma constante, e como imos afondando nas súas vidas, inquedanzas e personalidades está moi ben feito. E iso é algo que nunha serie se nota moito.

Máis alá dos personaxes, o mundo escollido para esta historia tamén é moi relevante para o desenvolvemento da mesma. A trama ocorre principalmente no reino de Liones, situado na que se deduce que é a illa de Gran Bretaña nun tempo pasado lendario e indefinido. Nesta época, as fadas, os xigantes, os humanos e os demos (tamén as deusas, pero polo menos por agora non tiveron moita relevancia) conviven nese territorio.

Estas faccións de especies son tamén interesantes, porque cando imos coñecendo ós 7 pecados capitais, ímonos decatando de que cada un parece ser dunha especie distinta. Ademais, as especies non se levan moi ben entre elas: os demos foron encerrados nunha guerra esquecida e que tivo lugar hai 3000 anos, as deusas, nesa mesma guerra, tamén acabaron mal paradas ou polo menos deixaron de ter contacto coas demais especies, as fadas non aprecian demasiado ós humanos e os xigantes tampouco e os humanos non adoitan xuntarse coas demais especies.


A historia mestura unha incrible profundidade xunto con momentos moi cómicos ou que pretenden ser cómicos. Digo “que pretenden”, porque non sempre o son. Explícome, que Meliodas estea continuamente sobando as tetas de Elisabeth ou meténdose debaixo da súa saia pode ser cómico na sociedade xaponesa, pero entendo que non na nosa (ou polo menos non para min). É un trazo que caracteriza a Meliodas e tampouco é que escandalice, pero a min pareceume un pouco innecesario tendo en conta o interesante que é este personaxe (vamos, que podían pensar noutra forma menos irrespetuosa para que Meliodas demostre que sinte un afecto especial por Elisabeth). A profundidade da historia amósase a través das historias individuais dos personaxes que se van convertendo en aspectos claves da trama.

E pouco máis teño que dicir desta historia, ó mellor outro día falo máis en detalle dalgúns personaxes, pero para introducir este anime paréceme máis que suficiente. É divertido, interesante, moi agradable e desde logo engancha moito, normalmente todos os capítulos achegan novas informacións ou fan avanzar a trama. Así que se non o coñeciades anímovos a que o investiguedes e lle deades unha oportunidade porque a merece.

Podo mencionar que máis alá das súper tetas que lle poñen a Elisabeth e os innecesarios comportamentos de Meliodas, ela é un personaxe que vale a pena analizar. Remato con isto porque para min é determinante que a protagonista da historia, non esquezamos que é ela quen lle dá inicio, non quede nun mero personaxe sexualizado. E aquí non pasa: Elisabeth pode ser unha princesa indefensa e sen poderes, pero o que está claro é que ten unha determinación moi firme e que incluso sen habilidades está disposta a remover ceo e terra por axudar ós habitantes do seu reino. A súa fortaleza vese sobre todo na segunda temporada (en Netflix aparece como Temporada 3 porque puxo os OVAs como Temporada 2), na que a pesar da adversidade, ela segue adiante, con ese firme obxectivo de axudar ós demais, de ser algo máis ca unha princesa indefensa protexida nun castelo. Porque admito que me encanta cando a fortaleza non se representa só a través de forza física ou un carácter duro, senón máis ben a través da determinación de cada personaxe.

Déixovos cun cover que fixo xusto a semana pasada unha chica que sigo e que fai moitos covers de animes! É do primeiro opening. Debaixo déixovos o primeiro ending en xaponés, porque case me gustou máis que o opening a primeira vez que o vin, para que poidades ver algúns dos personaxes ^^.





Seguide viaxando entre historias!

Comentarios

  1. Ola!!!
    Encantoume a entrada (e con isto de ter o anime fresco, moito máis jeje) :D. Non sei moi ben que comentarche, porque xa o comentamos todo cando o vimos, só que estou moi de acordo contigo en todo o que puxeches, que teño moitísimas ganas de seguir véndoo e que me gustou o ending, que ese si que non o vira :).
    Tamén coincido contigo no dos personaxes, que son os que fan verdadeiramente única a historia. Sabes que os personaxes son bos cando verías de boa gana cen capítulos deles vivindo a súa vida cotiá (sempre e cando a historia xa rematara, claro; non son das que queren ver recheo cando hai capítulos importantes por saír, e xa sabes a que anime me refiro con isto jajaja).
    E nada máis, que me vou do tema. Espero que escribas máis entradas de "The seven deadly sins"!!

    Bicos! <3

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Ola! Alégrome de que che gustara a entrada e xa que me dis que estaría ben que escriba máis entradas da serie, pensarei a ver que se me ocorre ;). Xusto puxen o ending porque cando vin o anime por primeira vez, recordo que nun principio me gustara moito máis o ending que o opening e despois cando o volvín ver contigo e non tivemos ocasión de escoitar o ending, quedoume un pouco de pena, non o vou negar. Pero como temos un blog precioso no que compartir este tipo de cousas, pois non hai problema ^^.
      A ver se poñen axiña a temporada 3 en Netflix que eu tampouco podo coas ganas.

      Un bico!!

      Eliminar
  2. O tema do humor xaponés e un dos choques culturais que á xente e afastan do anime, e non vou dicir que sen razón. É unha cuestión machista moi chunga.

    Igualmente, nos acostumamos, porque hai series de anime maravillosas nas que temos que pasar iso por alto.

    Volvendo ao tema da entrada, non a vin, pero escoitei falar bastante desta serie, e, a verdade, gustaríame vela. A miña traba é o tempo e a chea de animes que teño en lista 😂

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Ola! Desde logo, cando unha serie é boa só nos queda ignorar eses aspectos sexualizantes. E ben certo é que a xente que non está acostumada ó anime pode non entender este tipo de diferenzas culturais.
      Recoméndoche moitísimo a serie! Normal que non teñas tempo, quen ten tempo no mundo no que vivimos? Pero realmente foi un anime co que me encariñei moito cos personaxes e que me dou moi bos momentos, con historias moi profundas.
      Se te animas a vela, non dubides en compartilo con nós! Sempre está xenial poder comentar series con outras persoas. E se tes algunha serie que recomendarnos, aquí estamos ^^ (é probable que se sume á nosa lista interminable de series por ver XD).

      Un bico!!

      Eliminar

Publicar un comentario

Estamos desexando ler os teus comentarios!