Especial 1º aniversario do blog!! - Minato


Ola, cazadores de historias!!

Un día coma hoxe, hai un ano, decidimos emprender unha aventura cun blog en galego no que poder falar de libros, series, pelis, anime e todo o que nos dese a gana. Escollemos crear o blog un 22 de decembro porque para nós é unha data especial. E aínda que a universidade non deixa tempo nin para respirar (sobre todo se intentamos sacar algún momento para escribir as nosas historias propias) e nos últimos meses non aparecemos moito por aquí, isto segue! Esperamos poder escribir moitas entradas máis para o 2021, ou polo menos escribir de cando en vez algunha entrada, porque debería haber moitos máis blogs que falasen sobre Pretty Cure ou Naruto en galego e, como non os hai, pois teremos que remedialo.

Hoxe precisamente temos preparada unha entrada moi especial para nós. Existen moitas series de anime incribles, moitos personaxes que deixan pegada no corazón, pero para nós, hai un que está por enriba de todos, que nos cautivou e nos emocionou e que o segue facendo. É un personaxe que só se pode describir como perfecto. Si, como xa vos estades imaxinando, falamos de Minato ☆.

A partir de aquí é posible que haxa spoilers de Naruto e Naruto Shippuden porque Minato é un personaxe que non aparece desde o comezo e que ten unha historia que se vai descubrindo pouco a pouco. Dito isto, comecemos!


https://cutewallpaper.org/21/imagenes-de-minato/view-page-21.html



O deseño do personaxe de Minato
Todos coincidiremos en que Minato é realmente guapo, pero máis alá diso, hai que destacar o seu deseño, ese pelo longo e louro cun aspecto un pouco salvaxe que contrasta coa súa personalidade afable. A capa (A CAPA). Os seus xestos, as súas poses. Todo en definitiva.
 
Imaxe | Pinterest


As súas entradas espectaculares
Se algo sabe facer ben Minato é aparecer epicamente, con elegancia, forza e xusto no momento oportuno. Con esa capa de Cuarto Hokage que é tan perfecta coma el. Cando Minato aparece, o inimigo treme, porque sabe que está ante un rival realmente poderoso. Tamén é de destacar que as aparicións de Minato na historia son sempre moi emotivas e importantes. Rememoremos a Naruto na saga de Pain a piques de transformarse en Kurama, lembremos a Minato entre as sombras dun atardecer xusto antes de salvar o seu fillo.
 
Imaxe | Tenor.com


A capa de Minato
Efectivamente, a capa de Cuarto Hokage de Minato ten apartado propio. O deseño desta capa é maxestuoso. É unha capa longa, das que chegan ata os pés, con chamas crecendo na súa base. O mellor de todo é como a capa combina co vestuario de Minato e como se axusta ós seus movementos tanto nas batallas como nas escenas cotiáns.

(A todo isto (fálavos Rush), a imaxe que poñemos para este punto foi feita por alguén que tamén se chama Rush, pero non son eu. Iso si, se soubese debuxar así, xa estaría facendo imaxes coma esa e moitas outras, non teñades dúbida ningunha).

 
Imaxe | Aminoapps


É forte, MOI forte
A pelexa contra Obito?? Pode ser máis épica? E na Cuarta Gran Guerra Ninja, incluso despois de perder os dous brazos (que foi horrible, por certo), non había quen o parase.
 

Imaxe | Giphy.com


Minato, amable, bo e considerado
Podería pensarse que un personaxe tan forte como Minato tería unha personalidade seria ou fachendosa, pero o certo é que Minato é un encanto de persoa. É amable, nunca xulga ós demais sen coñecelos, é moi boíño e sempre quere o mellor para os demais.
 
Imaxe | Pinterest


É o mellor Hokage da historia (e sempre o será)
Sentímolo moito polos demais (especialmente por Tsunade e por Naruto), pero Minato é o mellor. Foi o que estivo disposto a sacrificar máis para protexer a vila, ata o punto de que non só deu a súa vida loitando contra Obido e Kurama, intentando mantelos afastados de Konoha e sen involucrar a máis habitantes da vila, senón que tivo que tomar a decisión de selar a Kurama dentro do seu propio fillo. Despois desa noite, o Cuarto Hokage converteuse en lenda.

Non esquezamos, ademais, que ó cumprir o seu soño de ser Hokage seguiu sendo o mesmo de sempre, e sacaba tempo para facer as tarefas do fogar sen deixarllo absolutamente todo a Kushina (e si, isto vai por Naruto).
 
Imaxe | Vix.com


Sabe cociñar!
Non só sabe cociñar, senón que cociña e encárgase doutras tarefas da casa mentres o compaxina cos seus deberes como Hokage.
 
Imaxe | PicsArt


É a persoa máis cuqui do mundo cando se entera de que vai ser pai
É unha escena tan bonita que aínda agora nos emociona, como Kushina está toda preocupada co tema de que está embarazada e como se lle ilumina a mirada a Minato cando se entera. É que se nota que sería un gran pai antes incluso de nacer Naruto.
 
Imaxe | WiffleGif.com


Só morrería epicamente por unha uña

Quen podería morrer epicamente por unha uña máis que Minato e Kushina?

 
Imaxe | Aminoapps


Incluso morto é xenial
Empezando por deixar parte do seu chakra en Naruto para poder axudalo se se debilitaba o selo de Kurama, e poder falar, aínda que fose moi pouco tempo, con el; e seguindo por como loita ó lado do seu fillo na Cuarta Gran Guerra Ninja cando o resucitan co Edo Tensei. E a súa despedida, cando felicita a Naruto polo seu aniversario? Pode ser máis bonito?
 

Imaxe | Pinterest



En fin, que Minato é perfecto, e iso é un feito. É unha mágoa que non haxa máis escenas súas, pero polo menos todas as que ten son marabillosas. E iso que non dixemos que Minato e Kushina son, de lonxe, a mellor parella de Naruto (pero diso xa falaremos noutra entrada).

 
Imaxe | Gifer.com


Polo de agora, despedímonos. Esperamos que vos gustase a entrada tanto como a nós escribila! E marchamos igual que Minato, desexándolle un feliz aniversario ó noso blog, que é case coma un fillo.


Felicidades, Sindy e Rush!! Grazas por lernos, viaxéiroas de historias!!


*Non puidemos atopar os autores das imaxes que son ilustracións, porque son destas imaxes que aparecen en moitos sitios. Se chegamos a descubrilo ou alguén nos indica quen son os autores indicarémolo de inmediato ^^

Comentarios