Harry Potter e o preso de Azkaban

Boas, xente!!

Estes días estiven pensando no moito que me apetece ler os libros ou ver as películas de Harry Potter unha vez máis. Veredes, o meu agasallo de Nadal foi un puzzle (marabilloso, que me ten totalmente namorada e que estou desexando continuar agora mesmo) no que saen dementores diante da silueta de Hogwarts. E é que “Harry Potter e o preso de Azkaban” sempre foi tanto o meu libro como a miña película favorita de toda a saga. Así que, que mellor forma de empezar neste blog que falando del?

Pregunteime moitas veces que tiña este libro de especial para que, se ben me encantan todos e cada un deles, destacara sobre os demais. Aquí vos deixo algunhas das conclusións ás que cheguei (ollo, que hai spoilers!!):

  1. É o primeiro libro no que aparece Sirius. Non teño un personaxe favorito, pero considero que el é un dos mellores, tanto polo que supón para Harry (chega a ser case coma un pai para el), como pola súa historia. Ademais, ten frases como “se queres saber como é alguén, mira de que maneira trata aos seus inferiores, non aos seus iguais” (“Harry Potter e o Cáliz de Fogo”). 
  2. É o único no que Voldemort pasa a estar nun segundo plano (aínda que, loxicamente, se fala del) e que, en vez dunha loita fronte a fronte contra el, se descubren cousas do pasado e de como morreron Lily e James. Non me entendades mal: encántanme os enfrontamentos con Voldemort (especialmente no cuarto libro, cando regresa, e no último, a batalla final), pero son moi fan das historias do pasado e dos pais do heroe ou heroína.
  3. Os xiros de trama. Como certos personaxes resultan non ser o que se dicía nun principio, como Sirius, por exemplo. Si, certo, non é o único libro no que isto ocorre (recordemos a Moody / Barty Crouch Jr no cuarto libro), pero non me digades que o de Peter Pettigrew non foi un bombazo. É dicir, quen iba esperar que Scabbers, unha simple rata que nunca facía nada, fose en realidade o culpable da morte dos pais de Harry?
  4. O mapa do merodeador (creo que "merodeador" non existe en galego; se alguén sabe como se di, por favor que o deixe en comentarios :) ) e o xiratempo: quen non querería ter eses obxectos? (No meu caso, un xiratempo quitaríame de moitos problemas).
  5. Os dementores. De todas as criaturas creadas (é dicir, sen contar as mitolóxicas) para Harry Potter, os dementores son, na miña opinión, as mellores e máis arrepiantes. Eses seres escuros, con capas desgarradas e respiracións profundas, capaces de roubar a alegría e de absorber a alma…
  6. As criaturas que aparecen, grazas a Lupin, e que sairán máis adiante noutros libros.
  7. As clases de adiviñación. Quen non tivo nunca unha materia que parecía que tiña boa pinta e que resultou ser un desastre? (Ademais, encántame a profesora Trelawney, "predicindo" a morte de Harry e outras desgrazas continuamente).

E creo que xa está, aínda que non descarto que se me ocorran máis cousiñas despois de publicar a entrada (que se lle vai facer). Que me contades vós? Tamén vos gusta Harry Potter? Cal é o voso libro (e/ou película) favorito?

Vémonos!!
Imaxe de Harry Potter wiki

Comentarios

  1. Tamén é o meu favorito! Na miña adolescencia tiven un super crush con Sirius, aínda que non sabería dicir por qué. Examinándoo con máis calma agora ten moitas cousas negativas, pero sempre o lembrarei con cariño.
    O mapa do merodeador, as profecías e máis as clases de defensa contra as artes escuras fanno un libro brutal. É insuperable!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Iso é o mellor, que sendo un personaxe tan marabilloso como é tamén teña eses aspectos negativos que o fan máis real. E alégrome de que tamén sexa o teu libro favorito e de que opinemos igual!!

      Un bico :)

      Eliminar

Publicar un comentario

Estamos desexando ler os teus comentarios!