Good Omens: libro vs serie



Bo sábado!!

Fai case dous meses, publiquei a miña segunda entrada neste blog, sobre un personaxe marabilloso dunha serie que acababa de ver ese mesmo Nadal: Crowley, de Good Omens. Tédela aquí por se queredes botarlle un ollo. Naquel momento aínda non lera o libro e todo o que dixen foi baseándome única e exclusivamente na serie. Pero, grazas a unha amiga que mo prestou, puiden lelo e remateino o outro día. Así que apetecíame moitísimo falarvos del e dicirvos que ten en común coa serie e en que se diferenzan. Alá imos!!
Imaxe de Good Omens wiki


Que teñen en común?
Gústame moitísimo como fixeron a adaptación, porque é moi fiel ao libro. Sabía que estivera Neil Gaiman, coautor, polo rodaxe, aínda que non sei ata que punto estivo involucrado en temas de guion e estas cousas. Aínda así, sempre dá seguridade cando sabes que se ten en conta a opinión dun autor á hora de adaptar unha obra. E o resultado non decepciona para nada. De feito, hai escenas do libro que na serie son tal cual, cos mesmos diálogos palabra por palabra (o principio, por exemplo, é exactamente igual, e iso sorprendeume moito). Así que, se es coma min e desfrutas das adaptacións que respectan o máximo posible a obra orixinal, esta é unha moi boa opción.

Aínda así, hai diferenzas entre ambos.

Que ten o libro que non ten a serie?

Basicamente: notas a pé de páxina. Dito así, pode parecer pouca cousa; que máis dará que teña ou non notas a pé de páxina? Pois, neste libro, eran necesarias.

Cóntovos: esta historia é para rir e pasalo ben lendo (a serie tamén, claro), e as notas que ten son explicacións humorísticas, ou absurdas, ou cousas que non te esperas e que che arrincan unha gargallada. Pareceume moi orixinal, e creo que lle dan un toque moi especial ao libro.

E, como é lóxico, é moi complicado incluír eses detalles nunha serie.
Imaxe de Good Omens wiki


Que ten a serie que non ten o libro?

Escenas. Na serie meteron algunhas escenas a maiores, todas elas (creo, a non ser que me olvidara dalgunha) relacionadas con Crowley e Aziraphale, para darlle máis… salseo á historia. Supoño que colleron eses dous personaxes, tan queridos polos lectores, e decidiron explotalos un pouco máis e darlles máis presenza (tamén, na serie, deixan aberta a posibilidade de que haxa algo máis que amizade entre eles, mentres que no libro, a min polo menos, non me deu esa impresión).

Persoalmente, por moito que queira adaptacións o máis fieis posible, non me queixo por estes cambios. Son dous personaxes que adoro, e moitas desas escenas son das miñas favoritas. Así que alégrome moito de que decidiran metelas.
Imaxe de Good Omens wiki


E ata aquí a entrada de hoxe!! Se liches o libro, viches a serie ou as dúas cousas, podes contarme que opinas. E se non, anímote a que te adentres nesta historia!

Grazas por ler!!

Comentarios

  1. A diferencia entre libro e peli (serie, neste caso) e entre manga e anime veñen a ser, para min, moi semellantes. Cando se é fiel a historia, o que se compara son dúas formas de contar o mesmo. E penso que ahí e cando a música, as voces das personaxes e demais fan que nos emocionemos máis coa escea visual. Son máis recursos para o mesmo.

    Gustoume moito a túa forma de comparar ambas, dando o bo das dúas :)

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Ola!!!
      Perdón por tardar en responder e moitas grazas polo teu comentario! Tes moita razón. Unha vez que a adaptación cambia demasiado do orixinal, pasa a ser unha historia completamente distinta. Pero se é fiel, é marabilloso ver esa nova forma de contar o que xa coñeces.

      Un bico!!

      Eliminar

Publicar un comentario

Estamos desexando ler os teus comentarios!